Tuesday, August 5, 2008

Eu quería unhas crocs


Que eran tan súpermodernas, que as levaban os de Anatomía de Grey, non pesan nada, eran antiestáticas, comodísimas... Pois, como non, eu tamén quería unhas Crocs. E vou eu todo contento á tenda de deportes que hai aquí abaixo e probo un par. Verdes, menos rechamantes que as laranxa e non tan discretas nin aburridas coma as grises. Pago e vou tan contento á casa para calzar o meu novo obxecto de desexo.

Co que non contaba eu era con que ós cinco minutos de telas nos pés, estes empezaran a ferver daquela maneira. E a suar, que non me esqueza. ¿De modo que esto era polo que devecía a parroquia fashionista? Un calzado que fai que teñas os pés coma se os meteses nun géiser: pingando e ardendo. E, de ben pensado e tras miralos un pouco, teño que recoñecer que de bonitos e elegantes teñen pouco. Por non mencionar as risas de quen me viu con elas. Por exemplo, meu irmán, que me preguntou se lle roubara os zapatos a un cirurxán.

Esta foi unha das miñas compras fallidas, que non a única. A ver se en próximos posts relato outras prendas e calzado que comprei todo ilusionado e acabaron decepcionándome, ben por incómodas ou porque me quedaban peor de que quería.