Wednesday, February 25, 2009

Monday, October 20, 2008

Que veña o frío

Si, teño gana de que volva o frío. Teño gana de poñer a roupa de outono, a que máis me gusta. Polo verán, coa temperatura alta, non presto tanta atención á roupa. Unha camiseta e uns vaqueros e tira. Pero, coa chegada do tempo fresco, ábrese todo un abano de posibilidades: camisas, xerséis, chaquetas, abrigos... Préstase máis a xogar coas prendas: este pantalón con este xersei, americana por enriba deste ou a gabardina con aquela camisa, hoxe poño unha bufanda cun toque de cor... 

Este ano, sobre todo quero que volva o frío para re-estrear o meu abrigo.

Non sei xusto, pero pode haber catro anos que o comprei. Daquela aínda non me preocupaba moito polo meu estilo, ou mellor dito, non tiña moi asimilado o que tiña que ter unha prenda para quedar ben, e ese abrigo quedábame algo amplio, máis ca un abrigo parecía unha sotana. E, despois deso, perdín uns poucos kilos, co que case que me perdía dentro. 

En abril deste ano, decidín levalo a amañar. O xastre ó que vai sempre meu pai fixo un traballo excelente, e agora si que parece meu, adáptase perfectamente ó meu corpo. O abrigo é bo, a marca non é coñecida, pero é de lá e cachemira e, a pesar de ter xa catro anos, está suave coma o primeiro día. E como desde que o amañei non tiven moitas ocasións de poñelo, estou case ansioso por poñelo.

Wednesday, October 1, 2008

Marcando estilo: Guardiola

O ex-futbolista e agora adestrador do Barça é un dos homes máis elegantes do fútbol español. Mellor dito, un dos poucos, porque hai màis exemplos de adefesios con pantalóns rachados e camisetas multicor de marca ca xogadores ben vestidos.
No campo, para dirixir os partidos desde o banquiño, opta case sempre por un look minimalista e sobrio: traxe escuro, camisa branca e corbata tamén escura, moitas das veces negras e estreitas, que lle dan un look moi moderno e elegante.

Pero tamén se pode ver vestido de xeito máis informal, aínda que sen perder ese toque elegante que o caracteriza. Non acostuma verse con prendas moi ousadas ou atrevidas, pero nótaselle que é unha persoa que se preocupa polo que pón e, o que é máis importante, sabe que é o que lle queda ben.
Os jeans son un básico no seu roupeiro, que combina con elegancia con camisetas, xerseis ou prendas de pel.
Gusta dos complementos, por eso non é extraño velo con bufanda nos días fríos.

Tuesday, August 5, 2008

Eu quería unhas crocs


Que eran tan súpermodernas, que as levaban os de Anatomía de Grey, non pesan nada, eran antiestáticas, comodísimas... Pois, como non, eu tamén quería unhas Crocs. E vou eu todo contento á tenda de deportes que hai aquí abaixo e probo un par. Verdes, menos rechamantes que as laranxa e non tan discretas nin aburridas coma as grises. Pago e vou tan contento á casa para calzar o meu novo obxecto de desexo.

Co que non contaba eu era con que ós cinco minutos de telas nos pés, estes empezaran a ferver daquela maneira. E a suar, que non me esqueza. ¿De modo que esto era polo que devecía a parroquia fashionista? Un calzado que fai que teñas os pés coma se os meteses nun géiser: pingando e ardendo. E, de ben pensado e tras miralos un pouco, teño que recoñecer que de bonitos e elegantes teñen pouco. Por non mencionar as risas de quen me viu con elas. Por exemplo, meu irmán, que me preguntou se lle roubara os zapatos a un cirurxán.

Esta foi unha das miñas compras fallidas, que non a única. A ver se en próximos posts relato outras prendas e calzado que comprei todo ilusionado e acabaron decepcionándome, ben por incómodas ou porque me quedaban peor de que quería.

Friday, June 13, 2008

O primeiro

Novo, completamente novo nesto dos blogs, aínda que xa hai tempo que leo outros. Espero que vaia ben.