Monday, October 20, 2008

Que veña o frío

Si, teño gana de que volva o frío. Teño gana de poñer a roupa de outono, a que máis me gusta. Polo verán, coa temperatura alta, non presto tanta atención á roupa. Unha camiseta e uns vaqueros e tira. Pero, coa chegada do tempo fresco, ábrese todo un abano de posibilidades: camisas, xerséis, chaquetas, abrigos... Préstase máis a xogar coas prendas: este pantalón con este xersei, americana por enriba deste ou a gabardina con aquela camisa, hoxe poño unha bufanda cun toque de cor... 

Este ano, sobre todo quero que volva o frío para re-estrear o meu abrigo.

Non sei xusto, pero pode haber catro anos que o comprei. Daquela aínda non me preocupaba moito polo meu estilo, ou mellor dito, non tiña moi asimilado o que tiña que ter unha prenda para quedar ben, e ese abrigo quedábame algo amplio, máis ca un abrigo parecía unha sotana. E, despois deso, perdín uns poucos kilos, co que case que me perdía dentro. 

En abril deste ano, decidín levalo a amañar. O xastre ó que vai sempre meu pai fixo un traballo excelente, e agora si que parece meu, adáptase perfectamente ó meu corpo. O abrigo é bo, a marca non é coñecida, pero é de lá e cachemira e, a pesar de ter xa catro anos, está suave coma o primeiro día. E como desde que o amañei non tiven moitas ocasións de poñelo, estou case ansioso por poñelo.

No comments: